Sunday, May 18, 2008

20/05/08: Charla - Coloquio A RÍA NON SE VENDE

O vindeiro martes 20 de maio, terá lugar a partir das 20hs, na Casa da Torre (Redondela), unha Charla - Coloquio na que se informarán e debatirán os problemas máis graves e actuais que está a sufrir a ría de Vigo. Poderían darse moitos máis, pero os máis acentuados e graves se poden resumir en: recheos, contaminación, depuración ineficaz, destrucción dos recursos pesqueiros e marisqueiros, urbanismo salvaxe e destrucción da paisaxe, portos deportivos privatizadores, Autoridade Portuaria caótica e depredadora, alteración das correntes mariñas e desprezo pola identidade e patrimonio culturais.

Frente a isto, A RIA NON SE VENDE defende:

  1. Preservar á Ría de Vigo como fonte de vida, traballo e riqueza natural.

  2. Defensa da explotación pesqueira e marisqueira frente á especulación urbanística e industrial, apostando polo mantemento dos máis de 15.000 postos de traballo que dependen directamente dos recursos produtivos da Ría de Vigo.

  3. Eliminación da contaminación actual mediante a aplicación de medidas responsabeis de control de verquidos, xunto con sistemas de depuración de demostrada eficacia e non contaminantes.

  4. A paralización inmediata dos proxectos de recheos previstos pola Autoridade Portuaria de Vigo.

  5. Impedir a instalación de máis portos deportivos na ría, asi como reclamar a aplicación da lei nos xa existentes.

  6. A Ría de Vigo como un ben público de desfrute colectivo, mediante a conservación da sua paisaxe e forma de vida, frente a destrucción da natureza a mans de intereses políticos e particulares.

Por todo isto, cremos compartir razóns e esperanzas con toda a veciñanza que vivimos nesta Ría de Vigo, e que non queremos malvivir baixo unha faixa de cemento, merda e iates de luxo. E polo tanto convidamos a todos os seitores sociais que sintan sua a defensa da Ría de Vigo, a participar na MANIFESTACIÓN DO 25 DE MAIO ás 12:00 h. dende a Praza da Estrela até Bouzas.


Posted by at 15:34:43 | Permalink | No Comments »

Thursday, April 24, 2008

25-04-08 MANIFESTACIÓN: Non á autorización ambiental a Ence-Elnosa

OAR convida á Manifestación que se levará a cabo o vindeiro venres 25 de abril, ás 20:30hs (Praza da Ferrería - Pontevedra), en contra da autorización ambiental a Ence-Elnosa.

Toda a información, na páxina da Asociación pola defensa da Ría (APDR)

Posted by at 10:45:29 | Permalink | No Comments »

Friday, February 8, 2008

17/02/08: GALIZA NON S€ VENDE

ESPECIAL: AUTOBUSES (HORARIOS E CONTACTO)

MANIFESTO:


A nosa vida non se entende sen o territorio: sobre el temos a nosa vivenda, por el nos desprazamos, del tiramos alimento e enerxía, nel deitamos os nosos residuos, traballamos, pasamos o noso tempo de lecer… e facémolo desde hai séculos, nel está a nosa historia. O territorio que habitamos conta con paisaxes fermosas ou singulares e alberga, ademais, moitas outras formas de vida, acubilla biodiversidade. O territorio condiciona as nosas vidas, mais tamén temos unha cada vez maior capacidade de modificalo. Combinando desleixo e unha estrema ambición depredadora, levamos décadas destruíndoo e xustificámonos argumentando que é para xerar emprego, para nos desenvolver, para vivir mellor… Este uso insustentábel do territorio está destruír a paisaxe e o noso patrimonio cultural, está a empobrecer a biodiversidade, está a empeorar a nosa calidade de vida e a hipotecar a das xeracións futuras, para, como moito, enriquecer a unha minoría. Galiza perde poboación ao tempo que estende o seu solo artificializado. Urbanismo caótico, infraestruturas de transporte irracionais, piscifactorías, campos de golf, portos deportivos, encoros, parques eólicos indiscriminados, paseos marítimos e fluviais ríxidos, recheos, monocultivos de especies exóticas e invasoras, nulo respecto polas figuras de protección ambiental e os espazos naturais protexidos… teñen unha cousa en común: a inexistencia dun ordenamento territorial ecoloxicamente sustentábel e socialmente xusto. Estamos a atinxir un elevado nível de destrución do territorio, mais aínda temos capacidade para reaxir. Aínda é posíbel deseñar e desenvolver unha política de ordenamento territorial guiada pola sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social: que respeite a paisaxe e o patrimonio, que nos permita convivir cunha rica biodiversidade, que mellore a nosa cualidade de vida sen hipotecar a das xeracións futuras. Sabemos que a xeración de emprego de cualidade, o aceso a unha vivenda digna e o gozo do noso tempo de lecer non é incompatíbel coa sustentabilidade, senón todo o contrario, e por iso demandamos un inmediato cambio de rumbo. Somos cada vez máis as organizacións e persoas que demandamos este cambio e traballamos por el desde diferentes ámbitos. Porque o mundo non está á venda e Galiza tampouco. Porque as persoas e o ambiente deben estar por riba do lucro. Porque é imprescindíbel deseñar e implementar xa un ordenamento territorial baseado na sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social. Porque para isto é necesaria unha cidadanía forte e autoorganizada que sensibilice, presione e achegue alternativas. Terra viva e vida digna para tod@s!

LINK: GALIZA NON SE VENDE!!!!

Posted by at 19:26:02 | Permalink | Comments (2)

Monday, August 6, 2007

SOS Courel. Paremos a desfeita. AUTOBÚS DENDE REDONDELA

O vindeiro 11 de Agosto en Froxán varios colectivos sociais galegos (SOS Courel, Asociación Fonte do Milagro, Burla Negra, Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo e a Federación Ecoloxista Galega) convocan unha xornada de loita festiva en solidariedade cos colectivos do Courel que están a defender a serra contra a ameaza de espolio e destrución patrimonial que pode supor a legalización masiva de canteiras por parte da Xunta e a mínima expresión á que vai quedar reducido o Parque Natural do Courel. A xornada contará con distintas actividades como o Roteiro da Arte, a proxección dos documentais “As Encrobas a ceo aberto” e “O Salario do Silencio” sobre o conflito de Reganosa, Charlas e debate con científicos e ecoloxistas, Animación na Eira para nenas e nenos e a Ultranoite Obelix e Cia especialmente adicada a SOS CAUREL coa participación de diversos e diversas artistas, como Os da Ría, Pablo Trasno, Chévere, O Mago Romarís, Mónica García, Os Cantos Rodados, Bernardo Martínez, Clara Gayo, Carlos Santiago, Expo e o Último Uruguayo, Blanca Novoneyra, Comba Campoy…

Dende OAR imos a organizar un autobús para viaxar ata Froxán o vindeiro sábado. *s interesad*s podedes poñervos en contacto con OAR por medio da dirección de correo electrónico oaredondela@gmail.com.

[+ info: soscourel.blogspot.com]

Posted by at 16:31:14 | Permalink | No Comments »

Monday, July 30, 2007

Documental: El salario del SILENCIO

A Organización Activista de Redondela OAR, convida o vindeiro mércores, 1 de agosto do 2007, ás 20:30h., no auditorio do Multiusos da Xunqueira de Redondela, ao acto consistente na proxección do Documental “El salario del SILENCIO”, e posterior mesa redonda ca productora Mabel Rivera e o director Enrique Banet de Namche Films S.L. sobre o silencio creado polos medios de comunicación entorno á instalación da planta regasificadora Reganosa no interior da ría de Ferrol.

+ info: regadeles.info e comitecidadan.org

Se ti ou alguén que conhezas está interesado en mercar o documental proxectado o mércores, “El salario del SILENCIO”, en OAR temos disponibles. O seu prezo, 12€, son para gastos de xuzgado para os marinheiros detidos e/ou con cargos. Se quixerades algún podedes ponhervos en contacto a través de email: oaredondela@gmail.com

 

Posted by at 09:00:00 | Permalink | Comments (2)

Friday, February 9, 2007

Minirecheo na enseada de San Simón

Operarios de U. FENOSA realizaron obras en a Portela para a instalación dun novo trasformador e un poste de dimesións medias. Na realización das obras, depositaron na ribeira, do que se coñece por “Lago dos Bébedos”, entullos e cascallos do poste sustituido e grandes pedras, procedentes das escavacións feitas para acoplar unha caseta prefabricada, do trasformador.O minirecheo está situado preto da vivenda número 9 ata a nº 21 da Portela.
Antes da curva, anterior a este conxunto de casas, hai unhas semanas operarios da empresa de telecomunicacións “R”, procedían a enterrar cable de conexión ó seu servizo, producindo vertidos de cascallos e anacos de asfalto, á Enseada de San Simón frente á casa do Patrón Maior da Cofraría de Pescadores “San Juan” de Redondela.
OAR quere denunciar o estado de agresión, trasformación, contaminación e vertidos incontrolados, non só no litoral redondelán, senón tamén nos rios e montes.
OAR entende, que intereses persoais e particulares, privan e privarán a comunidade redondelá do priviléxio de vivir a carón do mar, nun entorno natural envexabel, e privar ás xeracións novas e vindeiras, das posibilidades de emprego e explotación sostible e organizada dos recursos naturais e paisaxísticos, unha fonte inagotable de ingresos económicos, se se conserva ben cara o futuro.
OAR pronostica que de seguir ó actual ritmo de degradación ambiental as empresas conserverias e de venta e distribución de peixe, dependerán da materia prima de terceiros países e de menor calidade. Non se poderá empregar o reclamo publicitario e denominación “De las Rías”. Se xeralizaría a procedencia do peixe fresco de lugares distantes coma Irlanda, Kenia, Mozambique ou as piscifactorías. Mentres as consevas procederían de países remotos coma Chile, Perú, Mauritania, Marrocos e incluso paises asiáticos coma a República de China, co conseguinte impacto ambiental derivado do seu longo trasporte hacia os mercados europeos. Provocando tamén, o peche ou deslocalización das empresas e traballadores do sector pesqueiro nacional.
Máis fotos: 001 002 003 004 005
Actualizado 09/02/07:

 

 

Posted by at 11:17:30 | Permalink | No Comments »

Sunday, December 3, 2006

Acto 02/12/06: CARAVANA EN DEFENSA DO LITORAL

O acto tinha como hora de comezo as dez da manhán, en Monteferro (Patos), aínda que a caravana non iniciou o seu percorrido ata case unha hora despois, contando no mesmo con case un cento de vehículos, así coma unha ducia de ciclistas.



 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Como estaba establecida, a ruta automovilística transcorreu entre as localidades de Monteferro e Cangas (Massó). Resúmense a continuación as principias localidades de paso, así coma os estragos que nelas se están a facer:

1. MONTEFERRO: sendo o último espazo natural costeiro da banda sur da Ría de Vigo, resulta sorprendente o futuro “urbanístico” que se lle pretende dar: un inmenso vial, urbanizable en case toda a súa extensión.

2. CANIDO: existe un proxecto que pretende aterrar aproximadamente 30.000m2 para un futuro porto deportivo.

3. VIGO: nesta cidade existen tres grandes e moi graves problemas que danan directamente a nosa ría, e que son: A depuradora do Lagares (estímase que está a depurar o 50% do que debería, provocando un inmenso foco de contaminación no espazo natural da Xunqueira do Lagares), Bouzas (ampliación de case 81.000m2, con máis de 800.000 m3 de escombros; a construcción dunha Macro-depuradora e unha praia artificial, incluíndo este último proxecto un oleoducto dende o Porto até o Porto seco de Salvaterra), e a Urbanización de A Laxe e ampliación do Porto de Cruceiros (unha inmensa ampliación no Porto de cruceiros existente, que en realidade sería unha escusa para continuar unha gran operación especulativa: un hotel, un aparcadoiro privado, …. ABRIR VIGO Ó MAR!!!).

4. TEIS: contaríamos coas xa existentes aberracións no litoral, coma son a construcción dun porto deportivo ilegal (Punta Lagoa, cun espigón de 235m, e un recheo de máis de 27.000m2), así coma a privatización da costa pola ETEA. Pero non nos quedaríamos aquí: engadiríamos a construcción ilegal de naves industriais, impedimento da construcción dun paseo peonil (xa proxectado polo Ministerio de Medio Ambiente),…

5. ENSEADA DE SAN SIMÓN (CHAPELA, REDONDELA, CESANTES, VILABOA): trátase dun espazo protexido a nivel europeo, que actualmente corre graves riscos: verquidos industriais sen ningún tipo de control (en tódalas localidades presentes neste punto está constatado tal feito), depuradoras que non depuran (e non falamos de unha soa), aterramentos (absurdos e con intereses puramente especulatorios), oleoductos (esta construcción utilizaríase para “servir” á cidade de Vigo, dende Rande; sen olvidar a terrorífica presenza de PETROLEIROS na nosa ría), …

6. DOMAIO: ampliacións incontroladas na zona portuario-deportiva e do parque acuícola de Loitamar, presenza de naves de conxelados de Fandicosta, varadeiro de reparación de barcos,…. Hai que ter en conta que todas estas construccións atópanse en pleno espazo da Rede Natura da Enseada de San Simón.

7. MOAÑA: continuados verquidos ó longo da costa moañesa (aínda que existe unha “nova” depuradora, que coma tódalas anteriormente citadas, non depura), afección dos recursos marisqueiros e a marisma da enseada de Meira, urbanizacións propostas (e xa incluídas como convenios dentro dun futuro PXOM) nas fincas do Real e Concepción Areal así coma no monte de Ramil (atopándose ésta última nun área natural salvaxe integrada nos 200 metros de protección de Solo Rústico de Costas).

8. CANGAS: dende hai anos vense preparando unha especulación (novamente especulación) brutal e masiva de máis de 5.000.000m2 nos montes de Aldán, e máis de 200.000m2 da antiga factoría de Massó. Faríamos aquí unha especial mención aos veciños de Cangas, que dende hai máis dun ano, día tras día, están evitando coa súa presencia a desfeita xa proxectada para o Salgueirón.

Unha vez rematada a marcha (que contou tamén con varias persoas que a quixeron humanizar, realizándoa en bicicleta), chegou a caravana a Cangas (Massó), onde despois de ler o comunicado, deu comezo un xantar de confraternización entre tódalas persoas que apoiaron e seguiron esta Caravana.

Tod@s @s presentes, así coma tódalas personas que cos seus actos día a día loitan contra estas desfeitas, agardamos non ter que “lembrar” a nosa ría coma a coñecemos (ou xa teríamos que dicir coma a coñecíamos), senón coma un espazo humano no que os dereitos sociais prevalezan sobre os urbanísticos, políticos, especulatorios e pseudo-humanizadores.

TODAS AS FOTOS

Noticia publicada hoxe 03/12/06 en “La voz de Galicia”

Posted by at 12:20:00 | Permalink | Comments (1) »