Saturday, April 11, 2009

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común mostra o seu rexeitamento ao proxecto de conexión da A-57 có aeroporto de Peinador e a rede arterial de Vigo.

Tras coñecer a aprobación definitiva do estudio informativo da polémica variante que cruza os concellos de Pontevedra, Soutomaior e Redondela, esta Organización quere mostrar o seu desacordo cun proxecto que desvertebra o monte veciñal de alomenos 8 Comunidades.

Este proxecto vai deteriorar en gran medida, a recén inaugurada “Senda  da auga” obra financiada na meirande parte con fondos do PRODER II, e que tivo un custo de case 100.000 €, que transcorre polas parroquias de Reboreda, Quintela e Saxamonde  casi  en paralelo coa autovía.

 

Dende a Organización Galega de Comunidades de Montes entendemos que, montes como os que agora se van ver afectados por esta autovía, teñen un gran potencial social, económico e turístico para un concello como o de Redondela e a área de Vigo, potencial que se verá claramente mermado con esta obra.


 

Tampouco se debe esquecer as funcións ecolóxicas que estes montes desempeñan, actuando como sumidoiro de CO2 e filtro da contaminación atmosférica. Tamén constitúen a principal reserva natural de auga subterránea, recurso fundamental en áreas tan densamente poboadas.

 

Pensamos que unha vez máis se ignora a importancia do monte comunal como motor do desenvolvemento rural e creador de emprego estable, e lamentamos que decisións coma estas vaian sempre en prexuízo do patrimonio común dos galegos.

 

Por todas estas razón, esta Organización pensa emprender accións na defensa dos montes veciñais en man común afectados por esta infraestructura.

 

 

 

5 de abril de 2009

Posted by in 03:29:21 | Permalink | No Comments »