Friday, May 23, 2008

25/05/08: Manifestación: A RÍA NON SE VENDE

Diante do novo Plan de Ampliación do Porte, os colectivos integrados na Rede A RÍA NON SE VENDE convocamos unha manifestación en defensa da Ría de Vigo, en defensa do noso primeiro e principal recurso natual.

MANIFESTO:

Máis unha vez, desde o porto de Vigo dinnos que precisan de máis espazo, máis unha vez non lles chega o que teñen, e pretenden facer máis recheos, algún en espazos protexidos como a Enseada de San Simón.
Queren aterrar no mar 23 Hectáreas. Din que é unha actuación respectuosa co medio ambiente, que ten o consenso de todos os sectores da cidade, que está baseada no diálogo e no respecto pola legalidade…. Máis unha vez mexan por nós e din que chove.

O porto de Vigo non pode seguir medrando indefinidamente, arruinando a nosa maior fonte de recursos, para convertela nun almacén de vehículos e nun polígono industrial.
Os balances económicos do Porto sempre dan positivo, porque só contan os cartos gañados, mais nunca cuantifican canto vale o que destrúen. Canto costa unha praia?, e se son 15?, canto costa un banco marisqueiro?, canto costa unha Ría sen contaminación?, canto costa a fermosa paisaxe da Ría?, canto costa un solpor?, canto costa vivir sen o ruído, sen o po e a polución que orixina a actividade portuaria?…

Se desde o Porto de Vigo tiveran que pagar todo o que destruíron, e indemnizar polas molestias ocasionadas durante varias décadas, o seu balance económico sería un fiasco e nunca máis se lles pasaría pola cabeza facer recheos. Mais eles sempre gañan e a Ría cos seus seres vivos e a veciñanza sempre perdemos.
A ampliación portuaria non ten xustificación, o espazo de que dispoñen está infrautilizado, ocupado por empresas que non gardan relación coa actividade portuaria e por un enorme e esperpéntico almacén de vehículos, os cales só terían que estar no porto no momento de embarcar. Por se fora pouco, agora pretenden amorealos en plataformas de 10 m. de altura.
Utilizan tamén o espazo portuario para construír edificios como o da Xunta, centros comerciais como o da Laxe e incluso pretenden construír un Hotel no medio da Ría, como unha segunda torre de Toralla, eso si, proxectado por un arquitecto de fama mundial, que é a ridiculez que está de moda. Por non falar doutros proxectos moi anunciados na prensa como unha noria, locais de comida rápida, centros de talasoterápia, piscinas, restaurantes, cines, etc., todo moi relacionado coa actividade portuaria.
Alén diso o crecemento que vaticinan está baseado en meras especulacións, xa que o tráfico de mercadorías e fluctuante e pode aumentar ou diminuír, e de feito esta a diminuír a entrada e saída de moitas mercadorías. Desde o porto búscase un liderazgo infantil e andan a competir cos demais portos galegos, cando deberían repartirse o tráfico e coordinarse entre eles.
No porto confunden os intereses das multinacionais cos intereses da cidade e utilizan o espazo público para negocios privados e para a especulación urbanística. É hora de que o porto de Vigo aproveite o espazo que xa ten, levante os recheos que non están sendo utilizados en actividades portuarias e recupere as zonas degradadas.
Os efectos dos recheos son acumulativos, tanto nos feitos moito tempo atrás como nos recentes, ou nos que se fan en distintos puntos da Ría. O perfil orixinal do litoral da Ría foi totalmente modificado debido aos aterramentos, provocando sucesivos cambios na dinámica de correntes, ocasionando que os sedimentos desaparezan dalgunhas zonas e se acumulen noutras novas, o que afecta ás praias, aos bancos marisqueiros, ás areas de posta e alevinaxe, á pesca de baixura, á biodiversidade e a toda a vida da Ría.
A Ría de Vigo constitúe un dos ecosistemas con maior producción biolóxica do mundo, é un ecosistema único, moi fráxil e que xa está moi degradado.
Dende a Xunta de Galiza e o Porto pretenden triplicar o número de amarres de embarcacións deportivas, querendo pasar de 2.800 a máis de 8.000. Eso sen contar o enorme porto deportivo que se construiría se ampliaran o peirao de cruceiros, o que supón o verdadeiro motivo desa ampliación, xa que a suposta necesidade de liña de atraque cando chegan mais de dous cruceiros a Vigo é só unha escusa, porque só sucede un par de veces ao ano, e nunca deixan de entrar cruceiros por ese motivo.
Outra aberración especulativa sería o Porto deportivo da ETEA con 1.084 amarres sobre a praia de Ríos, destruíndo un banco marisqueiro de ameixa fina e facendo da praia natural da Punta unha praia artificial.
Desde a Xunta din, sen vergoña ningunha, que pretenden captar embarcacións deportivas de Portugal e de outros países para que pasen aquí o inverno, ofrecendo baixos prezos, ou sexa que arruínen, e ocupen o noso litoral por unhas cantas moedas. Esta xente sería capaz de vender á súa nai, se é que non a venderon xa.
Construír portos deportivos significa estragar o litoral, privatizar lámina de auga e especular co dominio público para favorecer a unhas cantas empresas privadas.
Alén diso o Porto concedeu unha segunda prorroga para construír o elitista porto deportivo de Massó en Cangas, proxecto que conta coa oposición do pobo de Cangas e que está cheo de irregularidades xurídicas.<br />
Os amarres para embarcacións deportivas deben ser só para as embarcacións que saen a navegar a miúdo e deberíanse trasladar ás zonas que están mais degradadas. Para as embarcacións que só navegan un mes ao ano hai alternativas como as mariñas secas ou as cacharelas de San Xoán. Non vamos consentir que se privatice a Ría porque se pon de moda entre a xente podente ter un barquiño para fardar diante dos colegas.
Moitos de estes portos deportivos están vinculados a proxectos urbanísticos especulativos nas proximidades e en primeira liña de costa.<br />
O urbanismo salvaxe e a falta de planificación nos concellos bañados pola Ría é unha barbaridade. Os Planos Xerais de concellos como Vigo, Moaña ou Baiona, están baseados na especulación. Pretenden duplicar o número de vivendas sen previsión de saneamento,
Outro dos graves problemas que afectan á Ria de Vigo é o alto nivel de contaminación existente. As depuradoras actuais máis que mellorar están a degradar a calidade das augas, con niveis de coliformes setenta veces o permitido polas leis que os propios políticos fan. A actual depuradora do Lagares é o principal foco de contaminación, contribuíndo de maneira considerable a destrución do ecosistema mariño. A maiores provoca unha calidade de vida indigna para a veciñanza, con cheiros fedorentos e molestias permanentes. A alternativa a esta situación só pasa pola instalación de microdepuradoras illadas dos núcleos de poboación, na separación das augas fecais, pluviais e industriais, e no control dos polígonos industriais, que hoxe por hoxe provocan altos niveis de contaminación. O proxecto de construír a macrodepuradora de Vigo na Xunqueira do Lagares só é un parche que, de levarse a cabo, non vai solucionar o problema, senón que vai empeoralo, converténdose nunha grave agresión ao pobo de Coruxo. É a demostración da mentira permanente na que viven Bloque, PSOE e PP cos seus dirixente ao fronte, incumprindo os acordos que eles mesmos asinaron nos plenos municipais; e tanto Príncipe, Pérez, Castrillo, Porro, Domínguez ou Caballero, son o que son: os mesmos cans con distintos colares. Todas e todos, coa mirada posta no futuro deberiamos tomar nota.
destrozando as parroquias do rural e do rural costeiro, incluso afectando ao solo rústico de protección agrícola forestal e de espacios naturais, onde se prevén urbanizacións elitistas. De continuar a marbellización do litoral perderíase a identidade dos barrios e vilas mariñeiras, a nosa identidade cultural e o patrimonio común, e iso non o vamos permitir.

Por se fora pouco, no Plan acuícola da Xunta, preténdese ampliar a piscifactoría de Oia, que afecta a solo rústico e protección de costas, e a da Punta dos Castros, en Cangas, que afecta a solo rústico de protección de espazos naturais. As piscifactorías contaminan moitísimo debido aos antibióticos que empregan e á grande cantidade de materia orgánica que verten ao mar, alén de privatizar e modificar o litoral.

NON MÁIS RECHEOS NA RÍA, É HORA DE LEVANTALOS
NON MÁIS PORTOS DEPORTIVOS, NON Á PRIVATIZACIÓN DO LITORAL
NON Á VIOLENCIA URBANISTICA, NON Á ESPECULACIÓN

 

Posted by at 12:48:39 | Permalink | No Comments »

Sunday, May 18, 2008

20/05/08: Charla - Coloquio A RÍA NON SE VENDE

O vindeiro martes 20 de maio, terá lugar a partir das 20hs, na Casa da Torre (Redondela), unha Charla - Coloquio na que se informarán e debatirán os problemas máis graves e actuais que está a sufrir a ría de Vigo. Poderían darse moitos máis, pero os máis acentuados e graves se poden resumir en: recheos, contaminación, depuración ineficaz, destrucción dos recursos pesqueiros e marisqueiros, urbanismo salvaxe e destrucción da paisaxe, portos deportivos privatizadores, Autoridade Portuaria caótica e depredadora, alteración das correntes mariñas e desprezo pola identidade e patrimonio culturais.

Frente a isto, A RIA NON SE VENDE defende:

  1. Preservar á Ría de Vigo como fonte de vida, traballo e riqueza natural.

  2. Defensa da explotación pesqueira e marisqueira frente á especulación urbanística e industrial, apostando polo mantemento dos máis de 15.000 postos de traballo que dependen directamente dos recursos produtivos da Ría de Vigo.

  3. Eliminación da contaminación actual mediante a aplicación de medidas responsabeis de control de verquidos, xunto con sistemas de depuración de demostrada eficacia e non contaminantes.

  4. A paralización inmediata dos proxectos de recheos previstos pola Autoridade Portuaria de Vigo.

  5. Impedir a instalación de máis portos deportivos na ría, asi como reclamar a aplicación da lei nos xa existentes.

  6. A Ría de Vigo como un ben público de desfrute colectivo, mediante a conservación da sua paisaxe e forma de vida, frente a destrucción da natureza a mans de intereses políticos e particulares.

Por todo isto, cremos compartir razóns e esperanzas con toda a veciñanza que vivimos nesta Ría de Vigo, e que non queremos malvivir baixo unha faixa de cemento, merda e iates de luxo. E polo tanto convidamos a todos os seitores sociais que sintan sua a defensa da Ría de Vigo, a participar na MANIFESTACIÓN DO 25 DE MAIO ás 12:00 h. dende a Praza da Estrela até Bouzas.


Posted by at 15:34:43 | Permalink | No Comments »

Thursday, May 8, 2008

Represión en Urbaser contra os folguistas

Despois do Preacordo de Convenio, o pasado 8 de novembro do 2007, entre traballadores do Servizo e a empresa Urbaser, que poñía fin a folga no servizo, a empresa Urbaser, impuxo a ós folguistas máis activos, con data de 26 de novembro do pasado ano, sancións consistentes na suspensión de 45 días de emprego e soldo, agás no caso dun traballador, ó que se lle impuxo un castigo maior (60 días). Sancións non executadas ata a data, posiblemente en espera da resolución xudicial.

O pasado luns 21 de abril do 2.008, ás 10:20 horas, celebrouse xuizo, ante a Maxistrada Xuez do Xulgado do Social, número 3 de Vigo, Dona Montserrat Delgado Pérez, pola denuncia presentada contra Urbaser, pola totalidade e cada un dos traballadores sancionados, do Servizo de Recollida do Lixo do Concello de Redondela, pola súa participación activa na Folga do Servizo acontecida entre o 28 de outubro e o 8 de novembro do 2.007.

No xuizo, Urbaser non desaproveitou, unha vez máis, a ocasión, para confrontar a traballadores do servizo, empregando como testemuños, a traballadores de confianza da empresa, gratificados económicamente, máis aló do que marcan as condicións xerais do convenio, polas súas accións antisindicais e contra os dereitos dos traballadores.

Ata catro traballadores se presentaron no xulgado número tres á testemuñar a favor da empresa, nun xuizo no que o único que estaba en xogo, eran as sancións a 9 traballadores que participaran, entre o 28 de outubro e o 8 de novembro do 2.007, na única ferramenta legal, de loita e resistencia que temos os traballadores contra os abusos da patronal, a FOLGA.

Así os traballadores esquirois, Antonio Viaño Loureiro, Enrique Graviel Varona, e Miguel Trigo Táboas, (Aleixandre Fernández Besada, non chegou a testemuñar) manifestaron no xuizo, ser compañeiros dos sancionados, e non ter, nin no pasado, nin no presente, ningunha situación de enfrontamento cos sancionados.

 

Sorprenderon as declaracións de Antonio Viaño Loureiro, que é familiar directo (primo) do Delegado Sindical, e que utilizou o seu parentesco para certificar que o estacionamento indevido do vehículo do seu primo, impedira a saida dos servizos mínimos, cousa que de ningunha maneira é certa. Do mesmo xeito acusou ata a outros dous familiares seus e traballadores do servizo, de impedir a saida dos servizos mínimos.

O Xefe do Servizo, o ferrolán, Jaime Martínez Anido, acusou ós traballadores folguistas de ter empregado, para evitar a saida dos Servizos Mínimos, o que, segundo el, “en Redondela se lle chama detonadores de canteira, . . . . . . deses que estoupan baixo a auga”

Os traballadores negan rotundamente, tanto os feitos motivo das sancións, coma as fabulacións da empresa e traballadores esquirois, expostas ante a Xuiz, nas que entendemos a empresa interesadamente pretendeu dar unha imaxe dos seus traballadores, de radicais de extrema esquerda próximos a movementos de Kaleborroka. Máis de 100, veciños e veciñas de Redondela foron testemuñas da actitude escrupulosamente pacífica e respectuosa, dos traballadores folguistas.

Non se entende a actitude dos traballadores esquirois, e menos no caso no que este ten parentesco cos folguistas, e testemuñase falsamente, en contra dos compañeiros que loitan polos dereitos colectivos dos traballadores, e a favor da empresa. Supoñemos que o seu comportamente é en pago de favores e priviléxios, coma ascensos de categoría, contratación de familiares, cobro de pseudopluses e outras gratificacións.

Os traballadores entenden que Urbaser pretende facelos pagar por algo que non fixeron. Entenden e esperan finalmente, sair absoltos destas sancións ou no peor dos casos, hanno tomar co mellor dos humores que poidan. Quedamos ó criterio da Sra Maxistrada.Xuiz, Montserrat, ou en caso de recurso, do Tribinal Superior de Xustiza de Galicia.


Posted by at 21:38:39 | Permalink | No Comments »